Friday 17 de May de 2024

O parque de Santa Margarida acollerá este sábado 17 a clásica sardiñada popular, que abre camiño á programación festiva previa a San Xoán


En paralelo á sardiñada, haberá foliadas e actuacións musicais para todos os públicos no anfiteatro do parque, tanto o sábado pola tarde como o domingo 18 pola mañá

O Concello da Coruña promove esta fin de semana a celebración da sardiñada popular do parque de Santa Margarida, unha actividade aberta á cidadanía coa que o Goberno de Inés Rey reforza a programación festiva previa á edición do San Xoán deste ano.

A sardiñada popular comezará ás 19.00 horas e está previsto que remate arredor das 23.00 horas. Repartiranse 500 quilos de sardiña fresca, o equivalente a unhas 3.500 racións.

Cada ración terá un prezo de 1 euro, e inclúe sardiñas, pan e bebida. Ademais, e desde primeira hora, gaiteiros pertencentes á Asociación Cultural Xacarandaina amenizarán o evento. Xa posteriormente, está prevista a actuación dun DJ como peche do evento.

Os festexos do sábado estenderanse tamén ao anfiteatro do parque, onde ás 18.00 horas comezará unha foliada infantil con Xacarandaina, Son D’Aquí e San Pedro de Nós. Xa ás 21.30 horas, o grupo Lagharteiras actuará en concerto. A foliada continuará a partir das 22.30 horas con diversos grupos das asociacións Xacarandaina, Donaire, Santaia de Santa Cruz, Abaladeiras de Muxía, Santiaguiños de Boimorto, Cantigas e Agarimos de Santiago,  Arume de Caión, Alxibeira de Narón e Carcaxía de Malpica.
As celebracións continuarán este domingo 18 pola mañá

Este domingo, e a modo de clausura, terá lugar a Romaría do Lecer, un festexo que comezará no parque ás 12.00 horas, e no que a Asociación Cultural Xacarandaina, co apoio do Concello, protagonizará diversas actividades de baile e música, ideadas para todos os públicos e con asistencia de balde.